Sunday 19 de May de 2024

Orzamento e remanente serán levados a un pleno telemático a finais de mes


 

Orzamento municipal e remanente serán sometidos á consideración da Corporación Municipal de Ribeira nun pleno extraordinario a finais deste mes que se celebrará de forma telemática —o primeiro na historia do municipio—, segundo anunciou hoxe o alcalde Manuel Ruiz á hora de dar conta da Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19. Ruiz Rivas indicou tamén a súa intención de convocar un segundo pleno extraordinario para control do Goberno que terá lugar a mediados de xuño, e que será presencial ou telemático dependendo de como evolucione a desescalada.

O pleno de finais de maio servirá, xa que logo, para buscar encaixe orzamentario ás axudas aos afectados polo COVID que se pretenden implementar dentro do ‘Plan Reactiva Ribeira’. A este respecto, cómpre informar de que coa fin de seguir perfilando este plan antonte mércores houbo unha nova reunión dos grupos da Corporación (con asistencia de Suma Ribeira, PSOE, BNG e PP) mentres que onte se deu a coñecer o borrador de documento aos grupos que non obtiveron representación nas últimas eleccións locais (Cidadáns, IPdR e Compromiso por Galicia).

Desbroces
Noutra orde de cousas, a Comisión aprobou reforzar os desbroces dado que polas prioridades que marcou a pandemia estes traballos non están tan avanzados como en anos pasados, así como efectuar una consulta á Asociación de Empresarios sobre a conveniencia ou non de retomar a zona azul e cal sería o tempo máximo de duración do estacionamento de vehículos.

Ademais, tras un exame minucioso do que dispón o correspondente decreto gubernamental, a reapertura da Biblioteca vai ter lugar na fase 2, xa que na fase actual non se permiten actividades de estudo en sala. Entrementres, aproveitarase a semana que vén para dotar á instalación de certas medidas de seguridade como marcas no chan, dispensadores de xel ou o bloqueo dos ordenadores de consulta. Si está en servizo para préstamo e devolución de libros con cita previa.